Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Ponteceso arrastra unha débeda de case 3 millóns de euros, máis do 97% dela contraída nos anteriores mandatos


 O goberno local puxo en marcha unha auditoría externa para analizar os servizos e prezos das facturas pendentes de 2020 a 2023

 Unha vez remate esta análise, abonará todos os pagos a provedores co remanente de 1,58 millóns do que dispón na actualidade

 Tras o abono das facturas, Alcaldía analizará xunto co Servizo de Intervención de que xeito utilizar o saldo restante

O Concello de Ponteceso quere facer pública a situación económica da institución municipal, nun exercicio de máxima transparencia coa súa veciñanza. Na actualidade, as contas locais reflexan unha débeda de 2.984.375,95 euros, dos que 1.796.467,38 euros corresponden a endebedamento bancario e 1.187.908,57 euros están pendentes de pago a provedores.

Deses 2,984 millóns totais de débeda, 2.874.493,18 euros corresponden a anteriores mandatos. Ou, o que é o mesmo, o 97,33% do endebedamento municipal foi contraído antes da chegada do actual equipo de goberno. Porque ao diñeiro a deber a entidades bancarias con créditos firmados na súa totalidade en etapas previas á actual, súmase tamén unha alta porcentaxe das facturas: dos 1,187 millóns a pagar, 1.105.025,80 euros corresponden a cargos adquiridos entre os anos 2020 e 2023.
Ante esta circunstancia, o equipo de goberno do Concello de Ponteceso entendeu que a xestión máis responsable pasaba pola posta en marcha dunha auditoría externa que analice todas e cada unha das facturas sen abonar entre os citados anos 2020 e 2023. Dita análise xa está en marcha, estará rematada nos vindeiros días e ofrecerá uns resultados que serán igualmente comunicados aos veciños e veciñas do municipio.

A través desta auditoría, o Concello de Ponteceso pretende certificar dúas premisas chave antes de abonar calquera cantidade. Por unha banda, a existencia da obra ou servizo que indica a factura. Por outra banda, se o seu importe se axustaba ou axusta aos prezos de mercado no sector en cuestión.
Unha vez finalice esta auditoría e sexa informada polo Servizo de Intervención do Concello de Ponteceso, o executivo local dará a orde para formalizar os pagos a provedores. Farao utilizando o remanente de tesourería dispoñible para gastos xerais, que na actualidade é de 1.581.410,83 euros. Deste xeito, quedarán saldadas todas as débedas pendentes con provedores por servizos que se acrediten como realizados e que contasen cun prezo dentro do seu índice. Unhas débedas que pertencen, na súa gran maioría, ao mandato anterior.

Tras o abono das facturas, Alcaldía e Intervención reuniranse para analizar que se pode facer co remanente restante, que podería ir destinado minimizar a alta débeda bancaria do Concello de Ponteceso ou a novos investimentos. Todo tendo en conta que a prioridade do goberno local e de Intervención é non comprometer a situación da tesourería, que debe ter fondos suficientes para facer fronte aos pagos periódicos e a posibles necesidades que xurdan.

Deja un comentario